Sunday 28 de April de 2024

A Banda Municipal de Música achégase aos clásicos no concerto ‘Paixón pola música’, que abrangue pezas de Tchaikovsky e Khachaturian


O espectáculo, que terá lugar este domingo (12.15 horas) no Teatro Colón, será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto

O Teatro Colón acolle este domingo 12, a partir das 12.15 horas, o terceiro dos concertos do Ciclo de Inverno da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), no que a agrupación se achegará aos grandes clásicos entre os que destacan, entre outros, Tchaikovsky.

Tras a boa recepción dos dous primeiros concertos deste ano, ‘Fantasía española’ e o‘Concerto Picassiano’, a BMMC dá continuidade a unha programación orientada a vencellar á cidade no proxecto artístico da Banda Municipal. Esta estratexia, presentada pola alcaldesa, Inés Rey, o pasado xaneiro, levará á Banda a localizacións da cidade como o Teatro Colón e o Ágora en máis de 40 concertos, ata finais de maio. “Queremos seguir nesta liña, co obxectivo de conmover no emocional. E no concerto previsto esta fin de semana, ‘Paixón pola música’, presentamos un total de catro obras de corte romántico”, destacou o director titular da Banda Municipal, Juan Miguel Romero Llopis.

Neste sentido, a actuación deste domingo abrirase no primeiro acto con ‘Saúdo de Amor’, “unha marabilla musical de tres minutos, de Edward William Elgar”. Xa a continuación, e co clarinetista Jesús Sánchez como solista, a Banda interpretará o ‘III Concerto’ composto por Óscar Navarro.

O segundo acto do concerto comezará con ‘Spartacus’, unha obra do compositor de orixe armenia Aram Khachaturian. ‘Spartacus’, ideado como un ballet en tres actos, baséase na novela orixinal de Raffaello Giovagnoli. A Banda Municipal interpretará concretamente o segundo dos tres actos, o famoso ‘Adagio de Spartacus e Phrygia’.

A BMMC pechará a actuación coa fantasía-obertura do ‘Romeo e Xulieta’ de Tchaikovsky, recoñecida como a primeira gran obra maestra do compositor ruso. “É un tema cunha identidade moi apaixonada, como todo o de Tchaikovsky”, recalca o director da Banda Municipal.

Como xa é habitual, a sesión será de acceso libre ata completar a capacidade do recinto. Retransmitirase tamén en directo a través da canle oficial da BMMC en YouTube.